CRTVG

Buscar

Tras as vacacións de Nadal aumentan os usuarios dos ximnasios

Publicado o 08/01/2020 13:39

O día que marca a recuperación e mesmo a ampliación da actividade nos ximnasios é, polo que nos din neste de Compostela, a partir da volta aos colexios tras as vacacións de Nadal.

Jesús Basanta, responsable deportivo do ximnasio do Sar: "Pensamos que ao longo desta semana e principios da que vén é cando vai aumentar a afluencia tanto de subscritores que se deixaron ir un pouquiño durante o Nadal e os novos que cos propósitos de ano novo teñen que empezar a facer exercicio que é algo primordial".

Esta mañá no ximnasio Multiusos do Sar, en Santiago, predominaban usuarios maiores e tamén os asiduos do ximnasio para practicar exercicio físico. Catro deles falábannos da súa experiencia á saída:

"Desde hai varios anos veño un par de días á semana acompañando a miña señora. Entón vimos os dous a facer unha hora ou así e logo, ando....", di un home.

"Vinte anos consecutivos á piscina e máis ximnasio", di unha muller, á que lle preguntamos se fai pausa no Nadal. Responde que "non. Normalmente, non. Veño igual, se estou aquí. Se vou para fóra, non".

Non obstante, outro home di: "Eu paro durante o Nadal, un descanso e agora hai que recuperar. Adoito vir durante o ano e nas festas paro". E outro afirma: "Resúltame ben para a saúde. Veño todos os días".

O responsable deportivo deste ximnasio lembra as posibilidades que ofrecen este tipo de instalacións onde, non caben as desculpas de falta de tempo ou de cartos para eludir a práctica de exercicio físico.

Basanta explica: "As instalacións abren desde as sete da mañá ata as once da noite de luns a venres e na fin de semana abren mañá e tarde, polo que o do tempo non é desculpa. O dos cartos, pois, unha familia pode facer uso das instalacións durante todo o mes de maneira indefinida por pouco máis de cincuenta euros".

Lembra Basanta que o ximnasio é saudable para a mente e para o corpo e tamén para a relación social.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/01/2020