CRTVG

Buscar

Transparencia dálle dez días ao Goberno para revelar os nomes que forman o comité de expertos

Publicado o 01/12/2020 15:42

Toque de atención ao Goberno. O Consello de Transparencia ordénalle informar dos nomes dos expertos que asesoran o executivo nesta pandemia.

O organismo cre que o control público debe prevalecer sobre a protección deses datos.

O Goberno sempre argumentou que as súas decisións se basean nos informes dun comité de expertos do que a opinión pública nunca tivo moitos datos.

"Reúnese unha vez á semana. Levántanse actas e loxicamente serán públicas porque o goberno sempre primou a transparencia informativa", dicía Pedro Sánchez o 16 de maio de 2020.

Pero mesmo o ministro de Sanidade chegou a negar a súa existencia.

"Non se creou un comité ao marxe da administración pública do ministerio de Sanidade", afirmaba Salvador Illa o 30 de xullo de 2020.

E por máis que insistiran os xornalistas...

"Non lles vou dar nomes de ningunha persoa do equipo polas presións que sofre calquera persoa da que se dá o nome", dicía Fernando Simón o 6 de maio de 2020.

O mesmo día en que Fernando Simón pronunciaba estas palabras, un avogado solicitáballe ao Ministerio de Sanidade os nomes e apelidos dese comité de expertos.

O Goberno negouse alegando motivos de protección de datos, e entón o letrado acudiu ao Consello de Transparencia e Bo Goberno, que xa resolveu. O organismo cre que non se vulnera ningún dereito dando eses nomes e que, pola contra, favorece o control da actividade pública por parte dos cidadáns en decisións relevantes.

Así as cousas, dálle ao Goberno dez días para informar.

"Estaremos en condicións de poder respondelo en tempo e forma unha vez que se estudie esta solicitude", dixo a Voceira do Goberno, María Jesús Montero.

Montero tamén explicou que a maioría deses expertos son funcionarios do Centro de Emerxencias que dirixe Fernando Simón.

Noticias web

01/12/2020