CRTVG

Buscar

Tráfico pon en marcha unha campaña para previr os atropelos nas estradas

Publicado o 21/03/2019 16:43

Desde este xoves e ata o sábado Tráfico repartirá chalecos reflectores aos peóns co fin de conciencialos para que extremen as medidas seguridade. No que vai de ano morreron sete peóns atropelados en vías interurbanas galegas. Un número moi elevado que fixo saltar as alarmas na DXT.


"Os meses de máis escuridade, de outubro a decembro, é cando máis se repiten e por iso chamounos atención porque é unha cifra moi elevada para os primeiros  meses do ano", explica Victoria Gómez, Coordinadora da DXT en Galicia. 

Como medida de prevención, puxeron en marcha unha nova campaña.  Xa comezaron a repartir chalecos reflectores entre os peóns e os condutores que baixen dos vehículos.  O delegado do Goberno en Galicia salientou a importancia desta medida, que, polo xeral, ten boa acollida. "É unha cuestión legal. Un cando baixa do coche, cando ten unha avaría ou por outra circunstancia, ten que colocarse o chaleco porque así o marca o códico de circulación, pero é que ademais salvan vidas". di Javier Losada.

Na DXT lembran os casos en que é obrigatorio o uso do chaleco. "A obriga do condutor que descende do vehículo é permanente, de día e de noite. A do peón é de noite, cando hai pouca luz ou cando as condicións meteorolóxicas obrigan a levar o chaleco", afirma Francisco Javier Molano, xefe da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

As sancións oscilan entre os 80 euros no caso dos peóns e os 200 euros e tres puntos de carné no dos condutores.

Noticias web

21/03/2019