CRTVG

Buscar

Tráfico impón en Galicia unha media de 100 denuncias ao día

Publicado o 09/04/2020 19:14

• Por provincias, o maior número de denuncias prodúcese en Lugo, con 655

Entre o 16 de marzo e o 7 de abril rexistráronse en Galicia 2.290 denuncias. Javier Losada, delegado do Goberno na comunidade, informou hoxe de que Tráfico interpón arredor de 100 denuncias diarias. 

Por provincias, o maior número de denuncias produciuse en Lugo, onte se interpuxeron un total de 655. O segundo posto é para A Coruña, con 618. Pontevedra rexistra 519, e Ourense 498.

A media empezou en 57 denuncias ao día, segundo se apunta nun comunidado remitido aos medios, e que foi medrando progresivamente. Dende o 29 de marzo a media sitúase nas 120 diarias. Losada amosou a súa preocupación ante estes datos e chamou a cumprir as normas para evitar o espallamento da COVID-19. 

Porén, celebrou os datos das fins de semana. A do 28 e 29 as denuncias baixaron ata un 34%, con respecto ao 51% desa semana. E os días 4 e 5 de abril a redución foi do 30%. O cumprimento, apuntou o delegado do Goberno, é maior durante estes días, nos que houbo un incremento dos controis.

Pola contra, o 22 de marzo foi o día que se rexistraron máis denuncias, 203 en total. Con motivo da Semana Santa, reforzáronse os controis nas estradas. Quedar na casa "é a única maneira de frear o virus e de protexer a quen se están xogando a vida", apunta Javier Losada.

O Concello de Ferrol informou da detección de 17 infraccións ao comezo da ponte de Semana Santa. E a Policía Local da Coruña sancionou 27 persoas este mércores por incumprir as normas de confinamento.

Tráfico está a denunciar cada día unha media de 120 condutores en Galicia por non respectar o estado de alarma. A esas denuncias hai que engadir as que efectúan outros corpos de seguridade, coma as diferentes policías locais. Só en Lugo, os gardas municipais multan a diario arredor dunha vintena de automobilistas nos distintos controis que realizan. A infracción máis común é circular nun vehículo sen un motivo xustificado.

José María Vázquez, oficial da Policía Local de Lugo:"Saír sen motivo xustificado co coche, sen un destino predeterminado. Ben ao traballo, cun xustificante, a facer unha compra grande a unha zona determinada ou a unha farmacia, a levarlle a comida a unha persoa maior ou cunha discapacidade... Non cumprir con ningunha destas xustificacións motiva as denuncias máis recorrentes."

Outra infracción común á hora de circular nun vehículo é non respectar as distancias de seguridade entre os ocupantes. Tamén abundan as denuncias por non levar máscara en caso de viaxar varias persoas nun mesmo coche a falta doutras medidas de protección.