CRTVG

Buscar

Traballadores de Vitrasa convocan folga para o 29 de decembro

Publicado o 21/12/2020 12:51

Traballadores da concesionaria do transporte público Vitrasa inician hoxe protestas pola decisión da empresa de non aboar a paga extra de decembro.

A empresa xustificou a medida por unha suposta débeda do Concello coa concesionaria. Ademais, os 350 empregados da empresa que se reuniron en asemblea nas últimas horas convocaron unha folga do servizo de autobuses para 29 de decembro.

O paro será total nesa xornada, a excepción dos servizos mínimos que se implanten. Fontes do comité de empresa indicaron que a folga se desconvocará automaticamente no mesmo momento en que a compañía lles ingrese a paga extra.

Segundo afirman, o Concello comprometeuse a saldar débedas con Vitrasa para compensala polas perdas sufridas durante o confinamento. Pero neste punto polo de agora non hai acordo.

A empresa reclama unha indemnización de 8 millóns de euros por perdas acumuladas este ano, e o Concello só recoñece 2,2. Mentres, os traballadores programaron concentracións diarias diante das instalacións da compañía.

Noticias web

21/12/2020