CRTVG

Buscar

Denuncian o desvío da carga de traballo en Navantia de Fene a Cádiz

Publicado o 12/04/2019 17:16

Os traballadores denuncian que Navantia desvía traballo do estaleiro de Fene ao de Cádiz. Explican que Navantia desviou unha das cinco plataformas eólicas mariñas para Cádiz. É parte da encarga de pezas para parques eólicos. Os empregados alertan do cambio de opinión da empresa pública, cando en Fene as instalacións non están saturadas.

Tamén denuncian que non comezarán a cortar a chapa das fragatas ata dentro de dous anos. E reclaman que lles adxudiquen xa a construción do buque de loxística.

Navantia ultima nestes momentos os traballos dos dous buques para a Armada australiana. Aínda así e, coas fragatas F-110 previstas para o 2022, quedarían dous anos coa actividade en mínimos. A esta denuncia dos traballadores súmase o desvío de parte dun contrato de estruturas eólicas para o estaleiro de Fene que sería construído en Cádiz.

Javier Galán, presidente do comité de empresa de Navantia: "Desde os estaleiros de Ferrolterra non imos permitir que a carga de traballo que ten destinada a Astano, que é a construción de jackets, mentres non estea saturada a planta de Fene, se vaia a outros estaleiros ".

O comité de empresa reclama do Goberno a contratación dun buque loxístico que poida xerar carga de traballo inmediata nos estaleiros da ría.

Javier Galán, presidente do comité de empresa de Navantia: "Non é un problema só de Navantia, dos seus traballadores e da industria auxiliar. É un conflito que ten de novo unha comarca coma a nosa que durante dous anos vai quedar sen carga de traballo."

Os traballadores anuncian un calendario de mobilizacións para as próximas semanas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/04/2019