CRTVG

Buscar

Traballadores de Alu Ibérica inician un peche no concello da Coruña

Publicado o 03/06/2020 17:45

O o comité de empresa de Alu Ibérica, a antiga Alcoa da Coruña, comezou este mediodía un peche indefinido no concello. Os traballadores reclámanlle ao Goberno que convoque a xuntanza da Mesa Industrial para aclarar o futuro da planta. E esíxenlle á Xunta e ao executivo central que obrigue as empresas a cumprir o proxecto industrial que acordaron entre as partes.

Nun comunicado, o comité de empresa asegura que lle trasladaron á alcaldesa que, "chegados a este punto e ante a indiferenza do Ministerio de Industria non convocando a reunion da Mesa Industrial Ministerial para o seguimento do noso proceso industrial, a pesar de solicitala varias veces, e ante os graves incumprimentos do acordado nese foro para o noso futuro", deciden iniciar ese encerro no Concello mentres non se lles comunique a convocatoria desa mesa ministerial. 

Juan Carlos Corbacho, presidente do Comité de Empresa de Alu Ibérica: "Mentres non se convoque a reunión da mesa ministerial de xeito inmediato permaneceremos aquí. E ao mesmo tempo esiximos que a Xunta de Galicia e o Ministerio cumpran o que prometeron e fagan cumprir ás empresas o proxecto industrial que se acordou e que devolvan aos traballadores e traballadoras o ano que nos levan roubando do noso plan industrial e do noso futuro".

Concentración fronte a Xunta Xeral do Principado para esixir intervención do Estado

Por outra banda, o persoal de traballadores da fábrica de aluminio Alu Ibérica en Avilés concentrarase mañá, xoves, ante a sede da Xunta Xeral do Principado para esixir a intervención da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) e co obxectivo de trazar un plan de futuro para a planta.

Os traballadores concentraranse ás 9.00 horas fronte ao Parlamento asturiano, minutos antes do inicio da celebración do pleno, para "esixir ao Goberno a intervención de fabrica ante a estafa" na venda desta e doutra fábrica na Coruña por parte da multinacional estadounidense Alcoa ao fondo  helvético Parter e posteriormente por parte desta última ao grupo Risco.

O presidente do comité de empresa de Alu Ibérica de Avilés, José Manuel Gómez da Uz, anunciara o pasado venres a intención de propoñer á asemblea de traballadores un calendario de mobilizacións contra unha situación, na súa opinión, empeorada coa entrada do grupo Risco, un investidor que "vén buscar camorra".