CRTVG

Buscar

Os traballadores de Alcoa levan as súas protestas ao Parlamento

Publicado o 07/08/2020 15:31

Os traballadores de Alcoa da planta de San Cibrao, en Cervo (Lugo), concentráronse este venres diante do Parlamento de Galicia, con motivo da sesión constitutiva da Cámara, para lembrar aos deputados "que o primeiro que teñen que facer aquí dentro é arranxar o problema da Mariña, como se comprometeron a facer todos en campaña".

"Non se pode tirar A Mariña simplemente porque a unha multinacional non lle dea a gana de sentar; só lle faltaría que este país permitise a unha multinacional americana pisar a todo o Goberno central", apuntou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, en declaracións aos xornalistas.

O representante dos traballadores puxo en dúbida a vontade negociadora de Alcoa, tendo en conta que "un non pode sentar a negociar cunha pistola encima da mesa" nin pode "exporlle á empresa interesada,  Liberty House, que ten que pagar unha sanción tan gorda como que paren as cubas cando insiste en que non as quere paradas".

"A Xunta debe esixir á empresa que sente a negociar sen condicións. O que non se pode permitir é que se paren as cubas, o corazón da fábrica, é algo que nunca imos asinar", proseguiu.
Zan tamén cargou contra a negativa de Alcoa a sentar a negociar este xoves alegando que os traballadores lle lanzaran ovos aos representantes da compañía.

"Están a falar de botar a 1.000 persoas á rúa e devolver a unha comarca enteira aos anos 70 e por un ovo din que se van", aseverou.

"É unha auténtica vergoña e unha falta de respecto que a empresa non sente nin coa ministra de Industria, Reyes Maroto, nin co conselleiro de Economía, Francisco Conde", engadiu.

Así mesmo, o presidente do comité de empresa lembrou que a fábrica "xa era do Estado antes de que chegasen eles", cando a Sociedade Española de Participacións Industriais (SEPI) dixo que era "un negocio ruinoso".

"Se ten que volver á SEPI que volva, aínda que sexa por só un minuto para venderlla a outro", expuxo o líder sindical.