CRTVG

Buscar

Traballadores de Alcoa encadéanse e cortan o tráfico na N-642 ao seu paso por Cervo

Publicado o 25/09/2020 13:44

Traballadores de Alcoa encadeáronse este mediodía e cortaron o tráfico na N-642 ao seu paso por Cervo, concretamente en San Cibrao, nas inmediacións do acceso ao complexo industrial da compañía. 

A protesta tivo lugar despois da asemblea de traballadores que se celebrou na mañá deste venres co obxectivo de informar ao persoal sobre o estado das negociacións entre Alcoa e GFG Alliance - Liberty House.

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao expresou o seu malestar polo feito de que a multinacional convocase a última reunión de negociación do ERE que pretende aplicar na fábrica de aluminio primario para este próximo luns en Madrid.

José Antonio  Zan, presidente do comité de empresa, dixo que esta convocatoria por parte de Alcoa reflicte "a desvergoña personificada", porque "ata o día de hoxe non se celebrou ningunha reunión en Madrid". Fontes de Alcoa precisaron que a convocatoria terá lugar sempre que non se alcance un acordo de venda antes da data límite, que é este domingo.

Así mesmo, Zan recoñeceu que, neste momento, tanto o Goberno como a Xunta están a apoiar ese posible proceso de venda, de modo que o comité está disposto a dar a batalla mesmo despois do domingo, cando se cumpre o prazo de seis semanas que se deron ambas multinacionais para completar a negociación. 

 

 

Máis sobre San Cibrao das Viñas