CRTVG

Buscar

Torra pediulle a Sánchez un mediador internacional

Publicado o 06/02/2019 19:33

Foi durante 48 días o segredo mellor gardado. Nin o Goberno nin a Generalitat desvelaron cales eran as condicións do diálogo, as demandas que o 20 de decembro os independentistas lle fixeron chegar a Pedro Sánchez para empezar a negociar. Están recollidas neste documento que agora ve a luz. Son o que a Generalitat chama as propostas para un pacto de Estado para solucionar o conflito entre Cataluña e España.

En total 21 puntos, en que os independentistas piden que se recoñeza e se faga efectivo o dereito de autodetermación do pobo catalán, falan da necesidade de que haxa unha mediación internacional para que a negociación sexa de igual a igual, ou esixen que non se ameace máis coa aplicación do artigo 155.

Tamén piden abandonar a vía xudicial, e garantir a independencia da xustiza, en clara referencia ao xuízo do ' procés'. No punto 19, chegan a falar de que hai que iniciar un proceso de desfranquización en España e abrir un debate sobre a monarquía.

Propostas que o Goberno nunca fixo públicas, e que no seu día Pedro Sánchez cualificou de monólogo de Torra, asegurando que non se negociará nada fóra da Constitución. A Generalitat, que tamén mantivo a discreción, filtrounas agora, o mesmo día en que o Goberno aceptou a figura do relator na mesa de partidos, e cando falta unha semana para o inicio do xuízo do 'procés' e do debate de presupostos.

Noticias web

06/02/2019