CRTVG

Buscar

Todo preparado para a noite dos fogos do Apóstolo

Publicado o 24/07/2019 21:34

Na praza do Obradoiro miles de persoas agardan xa para o comezo dos fogos do Apóstolo. Ás once e media da noite e durante trinta minutos, os que se acheguen ata aquí gozarán do espectáculo pirotécnico e audiovisual proxectado na fachada do pazo de Raxoi, que percorrerá a historia das peregrinacións ata Compostela e buscará render homenaxe ás mulleres da cidade. Unha aposta que estará acompañada da música de Cantigas e Agarimos para dar o inicio á festividade do Día de Galicia.

A moi poucas horas dos fogos do Apóstolo, as rúas de Santiago zumegan o ambiente propio das grandes ocasións. Na praza do Obradoiro 5.000 privilexiados poderán gozar do espectáculo pirotécnico e audiovisual que se proxectará sobre a fachada de Raxoi.

Tanto se nota que a zona vella estivo hoxe durante todo o día chea de turistas e peregrinos que aproveitaron o día solleiro que houbo en Compostela. Algúns deron coa festa de socate pero os que tiñan intención de velos dende a praza tiveron que madrugar porque a esta hora xa non hai nin un oco.

O operativo de seguridade da Policía Nacional protexe o perímetro da praza para evitar que ningún incidente empane a festa grande todos os galegos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/07/2019