Todo o concello de Valga continúa desolado polo triplo crime machista
"Igual que a familia, estamos coa familia cen por cen"
Son as palabras dos veciños de Carracido, que comparten a dor e continúan rotos ao recordar o triplo crime machista que tivo lugar a poucos metros das súas casas o luns pasado. Nesta pequena aldea, esta mañá só rompían o silencio as mostras de cariño que chegaban ao domicilio en forma de flores ou candeas.
A poucos minutos de alí, en Campaña, aldea natal das tres mulleres asasinadas, seguen enmudecidos, e a soidade de hoxe contrasta coa multitude que se viviu onte ao serán, cando os corpos de Sandra, Alba e Elena foron enterrados no cemiterio desta parroquia. A familia estivo arroupada por veciños, amigos, compañeiros de traballo e mesmo representantes políticos.
Ao mesmo tempo e ao longo de máis de cincuenta cidades galegas, miles de persoas uníanse en múltiples concentracións condenando a violencia machista e reclamando, entre mostras de indignación, medidas para frear este tipo de crimes.
Esperan que a normalidade se volva a recuperar pouco a pouco, e desexan que os menores poidan quedar co seu avó.