CRTVG

Buscar

Así será a vacinación: de xaneiro a xuño e con 15 grupos de poboación

Publicado o 27/11/2020 14:51

• Residencias, sanitarios e persoas con grandes discapacidades irán primeiro

• Porase en Atención Primaria, será gratuíta e non obrigatoria

AstraZeneca anuncia novas probas tras detectar erros nos primeiros ensaios

O Ministerio de Sanidade dividiu a poboación española en 15 grupos, que se irán vacinando contra o coronavirus en tres fases, de xaneiro a xuño, e explicou que esta clasificación se fixo atendendo ao risco de morbilidade grave, a exposición ao virus, ao impacto socioeconómico e á posibilidade de transmisión.

O primeiro grupo -o único que de momento está detallado e afecta uns 2,5 millóns de persoas- son os residentes e persoal sanitario e sociosanitario de residencias de maiores e con discapacidade, o resto do persoal sanitario e grandes dependentes non institucionalizados, explicou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, en conferencia de prensa para informar sobre a estratexia de vacinación.

Dixo que os 15 grupos avaliados polo equipo técnico, ademais dos xa citados, son:

• persoas con condicións de risco alto, pero tamén medio ou baixo,

• persoas que viven ou traballan en comunidades ou contornos pechados,

poboacións vulnerables pola súa situación económica,

• persoas con traballos esenciais,

• toda a poboación docente e

• toda a poboación infantil, adolescente e nova,

• maiores de 16 anos.

Ademais, inclúese o conxunto da poboación adulta, a que está en áreas susceptibles de reincidencia ou en situacións de posibles gromos, embarazadas e nais que proporcionan lactación natural e as persoas que xa teñen unha inmunización e seropositivos.

En definitiva, Illa apuntou que esta clasificación "cobre toda a poboación española" e será nas etapas dúas e tres cando os técnicos, conforme vaian tendo datos sobre a dispoñibilidade das vacinas, establezan quen son os grupos prioritarios.

Explicou que esta estratexia se irá actualizando, pero sempre coa "meta" de reducir a mortaldade "con eficacia" e protexendo os máis vulnerables e evitando hospitalizacións.

O titular de Sanidade informou de que a estratexia feita polo grupo técnico de vacinas ten as ferramentas para vacinar a poboación de maneira "eficaz e eficiente, con criterios de equidade e a flexibilidade necesaria para adaptarse ás diferentes etapas".

Illa tamén reiterou que as vacinas que reciban a autorización da Axencia Europea de Medicamentos gozarán "de toda a seguridade e se non teñen garantías suficientes, non van recibir autorización para seren administradas".

E insistiu en que conforme aos contratos xa asinados, España adquirirá 140 millóns de doses para inmunizar a 80 millóns habitantes. Por tanto, dixo, "haberá vacinas para proporcionar a todos os cidadáns e para exercer as tarefas de solidariedade" con outros países.

Sobre as advertencias da Sociedade Española de Xeriatría, que alertaba de que non existen suficientes evidencias da eficacia das vacinas na poboación anciá, Illa reiterou que non se vai a administrar ningunha vacina que non conte cos necesarios requisitos de seguridade nin en persoas maiores nin en novas.

O ministro de Sanidade dixo confiar en que a resposta da poboación á vacina vai ser "moi positiva" e augurou unha vacinación "masiva" debido a que España foi tradicionalmente un país moi receptivo e porque a experiencia deste ano coa gripe lanzou un incremento dun 40 por cento nas taxas de inmunización.

Reiterou que a vacina en España será voluntaria e, polo momento, non se expuxo establecer o requisito de vacinación para realizar determinadas actividades.

Noticias web

27/11/2020