CRTVG

Buscar

Todas as limitacións parten da mesma consigna: protexer o sistema sanitario

Publicado o 06/11/2020 13:47

Agora mesmo hai 85 pacientes en UCI nos hospitais galegos, pero no pico da pandemia, na primeira onda, chegaron a ocuparse simultaneamente por covid-19 178 camas en unidades de críticos. 

E se hai algo no que están de acordo os 34 profesionais que forman o comité clínico é en que hai que evitar custe que custe que se reproduza esta situación da pasada primavera. Algo que podería suceder se seguise o actual ritmo de contaxios. Por iso, explica o coordinador do plan de continxencia, o máis adecuado é tomar medidas precoces.

Galicia superou nas últimas horas os 10.000 casos activos de covid-19. E a escalada no número de positivos nótase xa seriamente nos hospitais, en especial, nas unidades de críticos. Entre as sete áreas sanitarias atenden hoxe en UCI 85 pacientes con complicacións severas derivadas da infección por coronavirus, persoas que moitas veces pasan meses nesa situación de coidados intensivos. Desde o comité clínico consideran que é o momento de dar unha freada en seco.

Pedro Rascado, membro do comité clínico e elaborador do plan de continxencia, explica que "se os casos seguen aumentando, seguen chegando aos hospitais, e se seguen enchendo os coidados intensivos, iso pode supoñer unha carga e unha dificultade para atender de xeito adecuado outras patoloxías".

Perseguen salvar as vidas dos que se infecten, pero tamén deixar marxe e espazo ás persoas con outras enfermidades que precisan e teñen dereito á atención hospitalaria.

Pedro Rascado, membro do comité clínico e elaborador do plan de continxencia: "Estamos agora nunha situación en que están aumentando os ingresos nos coidados intensivos, xa superamos o 50% dos ingresos do pico máximo da onda de primavera e non queremos que isto siga aumentando".

"É estatística, matemática", afirman os membros do comité. Se non se frean os contaxios, o sistema pode colapsar".

Pedro Rascado, membro do comité clínico e elaborador do plan de continxencia: "Entendo que poidamos estar cansos, que hai xente que pode ter dificultades para entendelo, pero o obxectivo é salvar vidas, non só para que os pacientes covid se poidan atender de xeito adecuado, senón calquera tipo de patoloxía".

Noticias web

06/11/2020