CRTVG

Buscar

Todas as comunidades en fase 3 permitirán a mobilidade entre provincias, agás Estremadura

Publicado o 06/06/2020 21:12

Practicamente a metade dos cidadáns españois poderán viaxar desde este luns a outras provincias dentro da súa mesma comunidade. En realidade, estarán nesa situación todas as autonomías que pasan á fase 3, agás Estremadura, e estas imaxes, de controis da mobilidade, serán cada máis infrecuentes.

É dicir, as viaxes entre provincias estarán permitidas, ademais de en Galicia, en Andalucía, Asturias, as Baleares, as Canarias, Cantabria, Murcia, Navarra, País Vasco e A Rioxa. Nos territorios que van gozar dese alivio priman as chamadas á responsabilidade e á madurez para non estragar a tempada turística."Decidimos que a partir do luns, 8 de xuño, se poida viaxar por todo o territorio de Andalucía e así llo comunicamos ao Goberno de España. Chega un momento clave, un momento clave para demostrar, unha vez máis, a nosa responsabilidade como sociedade", sinalaba o presidente andaluz, Juanma Moreno Bonilla.

O Goberno vasco celebra que Iñigo Urkullu sexa agora a autoridade competente delegada na desescalada e o libre tránsito pola comunidade. "A mobilidade xa non queda restrinxida ao territorio no que vivimos, senón que será libre para calquera actividade en calquera dos territorios da comunidade autónoma", anunciaba esta tarde a conselleira vasca de Infrestruturas, Arantxa Tapia.

Estremadura sigularízase por preferir non dar pasos en falso na desescalada. O motivo: a distinta evolución da pandemia, bastante significativa, entre Cáceres e Badaxoz. "A comunidade autónoma de Estremadura non optou por esa vía. Imos permanecer sen que nos poidamos mover entre porovincias ata o día 15 de xuño", declaraba o conselleiro estremeño de Sanidade, José María Vegeles.

Outras comunidades que quedan atrás, como Cataluña e Castela-A Mancha, permitirán a mobilidade entre as provincias que entran en fase 3 o luns, ou entre as rexións sanitarias que van estar nesa situación, como ocorre no caso catalán.
 

Noticias web

06/06/2020