CRTVG

Buscar

Toda a costa galega estará a partir deste mércores en alerta por temporal

Publicado o 27/10/2020 16:17

• A Xunta de Galicia activa a alerta laranxa en todo o litoral

• Meteogalicia eleva o risco a vermello no noroeste da costa coruñesa e na Costa da Morte

Toda a costa galega estará a partir deste mércores en alerta por temporal

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego a partir deste mércores.

Segundo informa a Xunta, a Axencia Estatal de Meteoroloxía apunta que o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro dará comezo nas primeiras horas da mañá no noroeste e oeste da Coruña, con mar combinado do noroeste e ondas de 5 a 8 metros, que poderán ser máis altas segundo avance o día.

A partir de media mañá, o fenómeno adverso estenderase ao resto do litoral da Coruña, e a Lugo e Pontevedra, con mar combinado do noroeste e ondas de 5 a 7 metros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar.

Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas.

Tamén consultar a páxina web do CIAE 112 (axega112.gal), que incorpora información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Alerta vermella de Meteogalicia no noroeste da costa coruñesa e na Costa da Morte

A información que recolle o boletín de avisos de Meteogalicia ratifica a alerta decretada pola Xunta e eleva o risco a máximo nivel (alerta vermella) no caso do noroeste do litoral coruñés e da zona da Costa da Morte.

En ambos casos recolle que a partir das 15.00 horas e ata as 00.00 horas poden rexistrarse ondas superiores aos 8 metros.

A choiva deixa sen apoio 15 metros de vía do tren entre O Burgo e A Coruña

A forte choiva que caeu estes días causaron a noite do pasado luns un desgornecido de 15 metros da vía do tren entre O Burgo e A Coruña, polo que a firma pública Adif traballa xa no restablecemento do tráfico ferroviario da liña Palencia-A Coruña.

Nun comunicado, o xestor de infraestruturas ferroviarias detalla que a reparación incluirá a construción dun dique para o asentamento e protección da plataforma das vías, cuxa incidencia afecta os doce trens diarios das liñas A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo/Monforte-Ourense, en ambos os sentidos.

O obxectivo é restablecer o tráfico o máis axiña posible, tendo en conta o difícil acceso con material e maquinaria á zona e as previsións meteorolóxicas adversas durante as próximas horas, engade Adif.

Ata entón, o plan alternativo de transporte para os viaxeiros dos trens que terían que circular por este punto consiste en transbordos por estrada entre O Burgo-A Coruña e A Coruña-O Burgo.