CRTVG

Buscar

Tik Tok, a aplicación que triunfa entre os nenos e que non coñecen os pais

Publicado o 22/01/2020 13:47

Causa sensación entre os adolescentes pero é practicamente descoñecida para os adultos. A rede social máis en voga, con máis de mil millóns de usuarios e tres mil millóns de vídeos subidos cada mes, é a nova preocupación das forzas de seguridade en Galicia. Estanse a detectar perfís falsos que tratan de facerse cos datos dos menores.

"O Tik Tok é para sair bailando a despois póslle música", explícanos un neno de oito anos. A app de moda, que permite facer videoclips curtos e compartir coreografías é a última moda en redes sociais, e aínda que a lei establece 14 anos para darse de alta, a realidade é que é de uso común entre rapaces aínda máis novos.

"As plataformas marcan un límite de idade para crear un perfil social pero despois hai aplicacións legais que xeran identidades ficticias; e adultos que crean perfís de menores para contactar con eles e chegado o momento intercambiar todo tipo de arquivos pornográficos", lamenta Xosé González Pértega, o inspector xefe do Grupo de Participación Cidadá da comisaría de Santiago.

O denominado grooming, non alleo a ningunha outra rede, pode escapar aquí á primeira regla de ouro para un uso saudable da internet: acompañar aos menores nos seus primeiros pasos.

"Os nenos nin saben que poden estar en risco, seguen adiante e confían en calquera persoa", explica un usuario.

"Podes ter o perfil, pero non compartir certo tipo de infromación privada de xeito público. Hai que ter coidado coa configuración da privacidade e con quen agregas", explican outros mozos. 

"E hai que estar sempre pendentes do que están mirando (os rapaces)", advirte unha nai.

Lembra a policía que estas aplicacións nacen cun fin lícito e que o problema é o mal uso que se pode facer delas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/01/2020