CRTVG

Buscar

Tenso primeiro debate electoral nos EUA marcado polos ataques persoais

Publicado o 30/09/2020 06:32

No primeiro debate electoral entre os candidatos ás presidenciais dos EUA do 3 de novembro houbo pouco dos respectivos programas e moitos ataques persoais, sobre todo de Donald Trump a un Joe Biden que respondeu ás continuas provocacións. O candidato á reelección buscou desde o primeiro minuto desestabilizar o seu rival con continuas interrupcións que levaron ao moderador a intervir en múltiples ocasións para tentar poñer orde. E con tanta interrupción apenas houbo tempo para lanzar mensaxes e para debater.

Trump teimou en dicirlle a Biden que non fixo nada nas súas case cinco décadas en política e chegou a pedirlle que non lle falase de intelixencia porque non ten nada diso. O aspirante demócrata contraatacou as máis das veces chamándolle mentireiro pero tamén pallaso, e mesmo instándoo a que deixase de ladrar.

O exvicepresidente botoulle en cara ao mandatario a información do New York Times segundo a cal non pagou impostos en dez dos últimos quince exercicios e desembolsou só 750 dólares nos dous primeiros anos no cargo. Trump respondeulle asegurando que pagou millóns de dólares en impostos, pero non achegou as declaracións da renda que Joe Biden lle reclamou. Donald Trump volveu acusar un dos fillos do candidato demócrata de corrupción, de levar millóns de dólares da China e Ucraína e de recibir tamén cartos da muller do alcalde de Moscova, e preguntouse que fixo para merecelos. Biden negouno todo.

Falaron da pandemia, do cambio climático e da violencia racial con acusacións cruzadas en que non houbo nada novo. E tamén se enfrontaron pola designación da xuíza conservadora Amy Coney Barrett para que sexa ratificada nesta lexislatura como membro do Tribunal Supremo. Os noventa minutos remataron co mandatario avisando unha vez máis dunha posible fraude electoral no voto por correo e advertindo de que isto non vai acabar ben. O candidato do Partido Demócrata deixou claro que aceptará o resultado das eleccións sexa cal sexa, algo que non fixo o do Republicano.

Hai previstos outros dous cara a cara entre eles antes dos comicios pero, visto o visto neste, xa hai quen dubida de que se vaian realizar.