CRTVG

Buscar

Suspendida a Feira de Santos de Monterroso debido á pandemia

Publicado o 16/10/2020 14:19

Este ano non se van poder repetir estas imaxes da Feira de Santos de Monterroso. Debido á pandemia, e ante os continuos gromos de coronavirus, as autoridades municipais decidiron suspendela. Durante os días vindeiros, os efectivos do GES de Monterroso encargaranse de repartir o aviso pertinente. Comezaron polos negocios da vila, para os que a feira supoñía un importante revulsivo económico, dado que adoita xuntar unhas 50.000 persoas.

Plácido Pereira, polbeiro: "É un dos días importantes do ano, cunha gran repercusión económica porque se move moita xente na vila. Os negocios ímolo sentir moito".

Marisa Pardo, florista: "É un día moi importante para nós, cunha gran facturación, pero o primeiro é a saúde. Hai que se adaptar e seguir para adiante".

José Antonio Barrio, organizador da feira: "Nestas últimas feiras viñan xuntándose entre 50.000 e 60.000 persoas, unha multitude para a localidade. Había polbeiros, gastronomía, mercadorías de todo tipo, todos os produtos da zona, e era cando se fornecían as despensas de Galicia, pero este ano houbo que deixalo a un lado. Haberá outra forma de mercar estes produtos típicos da zona e do agro galego".

Nos 700 anos de historia da Feira de Monterroso, só consta outra ocasión en que fora suspendida. Foi hai agora 102 anos, cando a segunda vaga da gripe de 1918.

· José Antonio Barrio, organizador da feira:  "O máis importante é preservar a saúde, tanto dos vecipños como da xente que iamos ter. Hai 102 anos, en 1918, xa se suspendera por unha pandemia. Que lembremos, era a única que se suspendera. E esperemos que este ano sexa tamén a última deste século".

En calquera caso, a partir de decembro prevese que cada primeiro de mes siga habendo feira en Monterroso.

Noticias web

16/10/2020