CRTVG

Buscar

Suspenden o Deportivo-Fuenlabrada por varios casos da Covid-19 no club madrileño

Publicado o 20/07/2020 20:11

• O Deportivo anuncia accións legais ao entender que suspender un só partido na última xornada altera a competición

• Sanitarios da Xunta, no hotel do Fuenla na Coruña do que marchan varios turistas alí aloxados | O club di que cumpriron co protocolo

 

O partido entre o Deportivo da Coruña e o CF Fuenlabrada da última xornada de LaLiga SmartBank foi aprazado debido a varios casos de coronavirus no persoal do equipo madrileño, aínda que o resto da xornada segue adiante. Nunha decisión de LaLiga e da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), con mediación do Consello Superior de Deportes (CSD), optouse por aprazar unicamente o duelo entre Deportivo e Fuenlabrada, clave tanto para o 'Play- off' de ascenso como para o descenso.

Tras unha reunión na que se barallaron varias opcións, optouse por non aprazar a xornada nin por facer xogar ao Fuenlabrada sen os xogadores que deron positivo no test obrigado ao que son sometidos os equipos antes dun partido e que están illados do resto da expedición.

LaLiga asegurou nun comunicado que foi de "mutuo acordo" entre as partes implicadas (LaLiga, RFEF, CSD no marco da Comisión de Seguimento) e que se optou polo aprazamento do partido, por "causas de forza maior". "A Comisión acordou tamén de mutuo acordo a disputa do resto de partidos da Xornada 42 ao entender que esta é a solución que mellor protexe a saúde dos futbolistas e a integridade global da competición", explicou LaLiga.

Mentres que o Deportivo da Coruña se xoga a permanencia en LaLiga SmartBank, para o que necesitaba gañar ou empatar e un combo doutros resultados favorables, o Fuenlabrada ten a tiro, pois cun empate bástalle, lograr a última praza para o 'Play- off' de ascenso á LaLiga Santander.

Así, coa suspensión desta partido clave, o resto da Xornada 42 dispútasese con normalidade, con todos os partidos con algo en xogo programados para as 21.00 horas, aínda que non haberá nada definitivo ata que se poida xogar o duelo entre Depor e Fuenla.

O Dépor asegura que se opuxo a que só se suspendese o seu partido 

A decisión da Liga de adiar o partido chegou cando os xogadores do Deportivo xa estaban en Riazor.

Un pouco antes das 7 e media da tarde chegaba a expedición deportivista ao estadio coa incerteza sobre o partido. Hai unha proposta de que o partido se dispute o vindeiro xoves 30 de xullo ás 9 da noite.

O Deportivo asegurou nun comunicado que se opuxo a que só se suspendese o seu partido e non o resto da xornada polos positivos por COVID-19 do seu rival, o Fuenlabrada, que se quedou confinado na Coruña.

O equipo que preside Fernando Vidal sinala que, unha vez "coñecida a nota informativa en que se comunica o acordo do aprazamento" do partido co Fuenlabrada e a celebración do resto da xornada en horario unificado, "puxo en coñecemento tanto de LaLiga, como da Federación e o Consello Superior de Deportes a súa oposición frontal a esa decisión.

O Deportivo entende que "se adultera a competición e o espírito das dúas últimas xornadas con partidos cuxos resultados inflúen nos demais". O club sostén que "cumpriu escrupulosamente con todas as esixencias sanitarias marcadas nos protocolos e presentouse á disputa do partido sen que comparecera o Fuenlabrada".

"Por suposto, mostrámonos totalmente de acordo coas razóns sanitarias que obrigan á suspensión e que son asumidas por este club, pero consideramos que debe entenderse que o Fuenlabrada non se presentou á celebración do partido e que ao Deportivo prexudícalle a disputa do resto da xornada nestas condicións".

O equipo galego sinala que "estudará e emprenderá todas as accións legais necesarias, antes as instancias correspondentes, en defensa dos seus lexítimos intereses".

Outros equipos como o Raio ou o Elxe tamén amosaron a súa discormidade. 

 Algúns hóspedes do hotel do Fuenla cancelan cuartos

 Algúns hóspedes do hotel do Fuenlabrada na Coruña cancelaron os seus cuartos e abandonaron as instalacións tras confirmarse varios casos por COVID-19. Ante o risco de quedar confinados, polo menos dez turistas decidiron deixar os seus cuartos despois de que se coñecesen os positivos da expedición do Fuenlabrada, que está formada por unhas 24 persoas.

É o caso de catro madrileños de idade avanzada que optaron por marchar "ante a dúbida" de que lles confinen máis adiante, explicaron. O persoal do equipo madrileño si queda confinada no hotel no que se aloxan na Coruña polo menos ata este martes.

O resto dos hóspedes do hotel non teñen restrición de movemento, segundo as mesmas fontes. Ademais, cancelouse o voo que fora programado para o regreso do Fuenlabrada a Madrid desde o aeroporto coruñés de Alvedro.

Médicos da Xunta, no hotel do Fuenlabrada na Coruña

Dous médicos da Xunta de Galicia están no hotel de concentración do Fuenlabrada na Coruña despois de que varios xogadores do equipo madrileño deran positivo en COVID-19 antes do partido co Deportivo.

O Fuenlabrada defende que tomaron as medidas que marca o protocolo 

O Fuenlabrada emitiu un comunicado no que defende que tomaron "as medidas que marca o protocolo". "Ante a detección, a través da aplicación dos protocolos e controis sanitarios anti COVID-19 de LaLiga, de casos positivos en integrantes do noso club, a RFEF e LaLiga no marco da Comisión de Seguimento e coa presenza do CSD, acordaron de mutuo acordo aprazar encontro Deportivo-Fuenlabrada por causas sanitarias de forza maior", sinala no escrito.

O Fuenlabrada apunta que seguiu todo o protocolo marcado de antemán por LaLiga para unha situación como a que sufriu: "Desde o club xa se tomaron as medidas que marca o protocolo sanitario. Ademais, queremos informar de que todas as persoas que deron positivo nas probas médicas non tiveron sintomatoloxía ningunha".