CRTVG

Buscar

Suprimen 43 trens de media e longa distancia en xornada de folga en Galicia

Publicado o 19/12/2019 12:55
Suprimen 43 trens de media e longa distancia en xornada de folga en Galicia

A folga de traballadores do operador ferroviario Renfe e da firma de xestión da rede de ferrocarril  Adif, dúas empresas públicas, supuxo a supresión de 43 trens de media e longa distancia en Galicia na xornada de hoxe, informou o sindicato CGT.

Nun comunicado, CGT precisa que os afectados son 34 trens de media distancia e 9 de longa distancia debido á ausencia de persoal, que só atenderá os servizos mínimos.

Entre os máis afectados serán os de longa distancia con destino a Pontevedra e Vigo, debido a que a composición dos tren-hotel de Madrid desde Monforte a Vigo e os Intercity de Ourense a Vigo non circularán.

A folga convocada pola CGT pretende denunciar unha serie de reclamacións, entre as que figuran a falta de maquinistas nalgúns tramos que levou os viaxeiros a recorrer a alternativas de autobuses.

Ademais, o sindicato reprocha que en novembro pasado uns 4.100 trens de media distancia en Galicia con capacidade para 180 viaxeiros circularon só cun maquinista e sen interventores a bordo, o que supuxo que Renfe tivese "importantes perdas por non vender billetes", ademais de "non atender adecuadamente as incidencias".

CGT recrimina por outra banda á Adif o plan proposto para acabar cos equipos de mantemento de infraestrutura e "privatizar" eses labores, incluída a da instalación de equipos de seguridade do sistema europeo de Ermts de freado automático de trens en caso de superar límites de velocidade en zonas do novo trazado ferroviario de alta velocidade.