CRTVG

Buscar

Torra non recoñece o auto do TS e denuncia un "golpe de Estado" ao Parlament

Publicado o 10/01/2020 15:37

O presidente da Generalitat, Quim Torra, afirmou este venres que "non recoñece os efectos" da resolución do Tribunal Supremo, que cualificou como un "novo golpe de estado á soberanía do  Parlament", que é "o único que pode decidir quen perde a condición de deputado".

Torra realizou unha declaración institucional, despois dunha reunión extraordinaria do Govern, para reaccionar á decisión da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo de manter vixente polo momento o acordo da Xunta Electoral Central (XEC) que ordenou a retirada da súa acta de deputado no Parlament por estar condenado por desobediencia.

"Non é máis que un golpe de estado á soberanía do Parlament de Cataluña e un intento de alterar por vías irregulares a vontade política dos cataláns", asegurou Torra nunha comparecencia na que estivo arroupado por todos os consellers e por representantes dos grupos parlamentarios de JxCat, ERC e a CUP.

Torra referiuse á resolución aprobada pola cámara catalá o pasado 4 de xaneiro na que a maioría o referendou no cargo e pediu que se tomen "as medidas oportunas para protexer a máxima institución do país, que é a presidencia da Generalitat" e para defender "ao resto de institucións e o respecto aos cidadáns do país".

Por ese motivo, sostivo que o auto do Supremo "é un ataque sen precedentes aos dereitos fundamentais dun cargo electo e á vontade política expresada polo noso pobo. É unha nova e grave irregularidade democrática".

Xunto a Torra compareceron todos os consellers e os presidentes dos grupos parlamentarios de JxCat e ERC, Albert Batet e Sergi Sabrià, respectivamente, os deputados da CUP Carles Riera e Vidal Aragonés e a líder de JxCat no Concello de Barcelona e deputada no Parlament, Elsa Artadi.

O presidente catalán aseverou que aínda é deputado no Parlament e presidente da Generalitat e que "o único marco xurídico aplicable á hora de elixir e cesar a presidencia da Generalitat é o que establecen o Regulamento do Parlament, a Lei de Presidencia da Generalitat e o Govern e o Estatuto".

Torra tamén fixo referencia no seu discurso á decisión do Supremo de manter o veto a Oriol  Junqueras como eurodeputado e enmarcou estas decisións na "causa xeral contra o independentismo", que afecta, segundo el, non só a políticos senón a miles de cidadáns e cidadás represaliadas" por "exercer os seus dereitos civís e políticos ante esta onda de vulneración de dereitos e liberdades".

Pediu o fin "inmediato" de toda esta "represión política", despois de referirse tamén á decisión do Supremo de pedir ao Parlamento Europeo que suspenda a inmunidade de Carles Puigdemont e Toni Comín. 

Ante esta decisión do Supremo o PP pediulle a Sánchez que destitúa de inmediato a Quim Torra, a quen acusan de "usurpar" a presidencia da Generalitat. 

Miquel Iceta, pola súa parte, aposta polo diálogo para tentar resolver o conflito catalán. O líder do PSC cre que esta é a única solución, e di que non lle preocupa que esta estratexia poida supor un custo nas urnas para o seu partido.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/01/2020