CRTVG

Buscar

Sorpréndeno ao volante en Salvaterra drogado, sen seguro e con dous pasaxeiros

Publicado o 17/04/2020 10:05
Sorpréndeno ao volante en Salvaterra drogado, sen seguro e con dous pasaxeiros

O traxecto duns 10 km entre Salvaterra de Miño e Ponteareas pode saírlle moi caro a un veciño desta última localidade de 38 anos que foi sorpendido pola Garda Civil o pasado martes. O home conducía sen puntos no carné, baixo os efectos das drogas, e o seu vehículo non tiña seguro. Ademais, levaba dous pasaxeiros con el, o que infrinxe as restricións impostas polo estado de alarma.

Os feitos tiveron lugar o martes ás nove e cuarto da mañá en Salvaterra de Miño. Unha patrulla da Garda Civil constatou que no interior do coche ían tres persoas, e detivérono. Foi entón cando comprobaron que o condutor era multirreincidente, considerado xa polos axentes de Tráfico como un perigo para a seguridade viaria.

O condutor carece de permiso de condución porque perdeu a totalidade dos puntos e non fixo o curso de recuperación. Ademais, o vehículo en que circulaban carecía de seguro obrigatorio.
Os ocupantes do coche, dous homes e unha muller, non xustificaron a causa da súa viaxe en ningunha das excepcións que permiten romper o confinamento, e dixeron que viñan da casa dun deles e que se dirixían á localidade de Ponteareas para pasar o día na casa doutro.

Na inspección do vehículo, os axentes localizaron papeis de aluminio impregnados dunha substancia cristalizada e un envoltorio de plástico con cocaína. Ao realizarlle a proba de drogas ao condutor, deu positivo.

O home foi denunciando e enfróntase agora a varios posibles delitos contra a seguridade viaria e polo incumprimento da limitación de circulación polo estado de alarma.

 

Máis sobre Salvaterra de Miño