CRTVG

Buscar

Solucións para mecanizar a horta galega ante a escaseza de man de obra

Publicado o 10/09/2020 15:12

Sementadoras, fresadoras, pulverizadoras... a escola de Sergude convértese hoxe nun escaparate de innovación para os produtores de horta. Un sector que está moi pouco mecanizado en Galicia

A horta do país ten sona, calidade e profesionais que fan que cada día colla máis forza no mercado. Pero fáltalles man de obra e maquinaria coa que optimizar os traballos.

"A mecanización é moi escasa. Botamos man da man de obra que agora mesmo é cara, escasa e pouco profesional", apunta o horticultor José Manuel Pedreira. 

Preparar o terreo para facer a cama de sementeira é un labor fundamental na horta. Esta fresadora é especialmente útil para terreos rochosos.

"Se tes pedra ou terróns, logra soterralos e poñer a terra fina enriba" apunta o comercial de maquinaria Daniel Luján.

Despois toca plantar. Esta máquina faino, sobre terra ou plástico, con moita precisión e a toda velocidade.

"Nunha hora pode facer unha plantacións de 6.000 plantas"

E cando veñan as malas herbas, mellor non dobrar o lombo nin usar herbicidas....

"O problema dos herbicidas é cada vez están máis restrinxidos, úsanse menos, e precisamos este tipo de equipos para o control das malas herbas"

Estes equipamentos poden supor demasiado investimento para un só horticultor. Pero compartindo a compra, a cousa cambia.

"Sería cuestión de organizarse pero coa maquinaria de horta o ideal é facer grupos de compra ou que as mercaran as empresas de servizos"

Esta demostración, organizada polo Agacal con fondos europeos, busca fomentar a innovación nun dos sectores con máis potencial do noso agro.

Noticias web

10/09/2020