CRTVG

Buscar

Ourense está a piques do confinamento, segundo o alcalde

Publicado o 05/10/2020 08:26

Este domingo notificáronse tres novas vítimas por covid−19 en Galicia. Pola mañá, o Sergas daba conta da morte en Ferrol dunha muller de 83 anos, ingresada no hospital Arquitecto Marcide, a primeira vítima desa área sanitaria nesta segunda vaga da pandemia.

Pola tarde informouse de que faleceran dúas persoas que foran diagnosticadas por coronavirus. Eran mulleres, de 96 e 90 anos, que estaban ingresadas no CHUO. As dúas tiñan patoloxías previas e procedían da Residencia As Salinas, Con estas defuncións son xa 757 as vítimas da covid−19 en Galicia.

A situación nos hospitais mantense semellante á dos últimos días: unha persoa máis ingresou nas unidades de coidados intensivos e 192 seguen hospitalizadas en planta.

Descende o número de casos activos un día máis. Hai 54 menos, co que a cifra total de persoas infectadas neste momento é de 4.038. Desde onte, 267 persoas recibiron a alta, e o número de novos contaxios é de 217, 97 deles en Ourense, a cifra máis alta nesta segunda vaga. No resto de áreas os activos van a menos, e Pontevedra é a que maior descenso presenta. 

· Ourense: 946 (+55)

· A Coruña: 819 (-29)

· Pontevedra: 689 (-33)

· Santiago: 530 (-17)

· Lugo: 493 (-10)

· Vigo: 445 (-15)

· Ferrol: 116 (-5)

Nas residencias de maiores e nos centros de persoas con diversidade funcional non se rexistraron casos novos desde onte, nin entre os usuarios nin entre traballadores. Durante a última xornada detectáronse 217 novos casos.

Polo de agora, en Galicia hai un total de 19.981 persoas curadas. O número de PCR realizadas é de 504.922.