CRTVG

Buscar

Soben a dez os positivos na residencia de Culleredo, oito anciáns e dous traballadores

Publicado o 17/08/2020 18:30

Os casos de infectados pola covid-19 na residencia de anciáns Orpea de Culleredo (A Coruña) alcanzan a decena ao dar positivo outro traballador, co que son oito usuarios e dous profesionais os afectados polo virus. Así o confirmaron fontes da empresa que xestiona esta residencia, Orpea, que asegura que estas dez persoas se atopan sen síntomas e que os protocolos se activaron porque un dos usuarios presentaba unhas décimas de febre.

A Xunta confirmou na mañá deste luns que o sábado tivo coñecemento do positivo dun dos traballadores e que por iso todo o persoal e os usuarios foron sometidos a probas PCR. De acordo coa información da compañía, o domingo tívose coñecemento de que un segundo profesional estaba infectado e, tamén segundo Orpea, esta persona, como a primeira empregada á que se lle detectou a COVID, tampouco era temporal nin de nova incorporación para cubrir algunha baixa ou vacacións.

Os usuarios da residencia (en total son 130) están agora confinados nos seus cuartos, "á espera de que se terminen as PCR", segundo as fontes de Orpea. O centro, ademais, está sectorizado por áreas (cor vermella, laranxa, amarelo e verde), en función de se teñen ou non coronavirus, se son ou non sospeitosos, se presentan ou non síntomas.

Na "primeira onda", este centro non rexistrou ningún caso, polo que se atopa dentro dos denominados "centros brancos", destacan as fontes da empresa. Por iso é polo que, resaltan, ten "máis risco de cara a unha segunda onda", pois son "residentes que non padeceron a COVID e non teñen anticorpos", polo que hai "que prestar especial atención".

A compañía iniciou o rastrexo para tratar de "identificar de onde puido vir o contaxio", buscando "a trazabilidade e os contactos da contorna". "Dentro dos test que se fan a residentes e a traballadores, os que máis importancia teñen son os que estiveron en contacto cos positivos. A partir de aí empézase a rastrexar", explican estas fontes. Por último, e após activar "todos os protocolos previstos" cando saltaron "as alarmas", a residencia activou mecanismos como videoconferencias "para que non se corte a comunicación" entre residentes e familiares.

Fanlle a PCR a colectivos máis expostos ao virus.

Comezou en Bergondo e Abegondo o cribado de colectivos especialmente sensibles e expostos ao coronavirus. Nos próximos días estenderase ao resto de concellos da área metropolitana da Coruña.
Os concellos fixeron a listaxe de convocados atendendo ás recomendacions do Sergas.

"Insistíronnos moito en que viñeran os de axuda domiciliio no fogar, tamén traballadoras sociais, policía, taxistas", explica a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez.

Aquí en Bergondo a resposta foi moi boa. Convocaron 73 persoas e acudiron case todas.

"Vin facer a proba porque traballo en Protección Civil e ademáis son socorrista", explica un veciño.

"Pareceme ben a iniciativa porque somos persoal de risco e é normal que nos fagan a proba", apunta dúas traballadoras de axuda a domicilio de Bergondo.

En menos de dous días terán o resultado.

"Dixéronnos que nos mandarían un sms se damos negativo e que nos chamaría o médico se a proba é positiva. Agardo que me chegue un sms", apunta un taxista.

A área sanitaria da Coruña sumou 84 novos positivos desde o domingo e xa ten 851 casos activos. E aumenta a presión hospitalaria. En centros sanitarios da cidade están 44 das 62 persoas ingresadas en toda Galicia e catro das cinco que precisan coidados intensivos na comunidade. O CHUAC xa habilitou unha terceiro espazo específico para tratar doentes de coronavirus.

Preocupa o único gromo de coronavirus nunha residencia de anciáns galega, a do Centro Orpea na Zapateira.

"O módulo en que se produciron as infeccións está illado e faise o cribado total da residencia, tanto de usuarios como do persoal", explicaba Ildefonso de la Campa, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

Ata o momento deron positivo oito usuarios e dous traballadores desta residencia de maiores.