CRTVG

Buscar

Sobe o paro en setembro, pero o aumento do desemprego é o menor dos últimos 15 anos

Publicado o 02/10/2019 16:06

A creación de emprego entra no outono pisando o freo. Aumentaron os afiliados en setembro, en 3.200, pero é o incremento máis baixo en seis anos. E 10 comunidades perderon emprego, como Galicia, con 7.300 afiliados menos.

Un ano máis, despois do verán, é o sector servizos o que máis emprego destrúe, mentres destaca a contratación en educación, polo inicio do curso.

Ademais, subiu o paro, pero co menor incremento para este mes dende 2004: 13.900 desempregados máis, ata os 3.079.000.

En Galicia a suba foi de 3.164 desempregados. Hai case 157.000 e a tendencia interanual segue en positivo, con 9.300 parados menos. En toda España o paro reduciuse en máis de 120.000 persoas no último ano.

Dentro da serie histórica de setembro, que se inicia en 1996, o paro subiu sempre neste mes, salvo nos anos 2005, 2006 e 2007. O aumento deste ano é o menor dos últimos 15 anos: hai que remontarse ata setembro de 2004 para atopar un ascenso de menor calibre (874 desempregados).

Se se teñen en conta as baixadas do período 2015-2017, o dato de setembro deste ano sería o mellor desde 2007.

En termos desestacionalizados, o paro baixou no noveno mes do ano en 28.629 persoas.

O sector servizos, como ocorre habitualmente ao finalizar a tempada estival, foi o que máis elevou o número de parados en setembro, cun aumento de 24.419 desempregados (+1,1%), seguido do colectivo sen emprego anterior (+9.148 parados, +3,5%).

O resto de sectores experimentaron descensos: a agricultura perdeu 9.601 desempregados (-6,7%); a construción reduciu o número de parados en 7.599 persoas (-2,9%) e a industria rexistrou 2.460 desempregados menos (-0,9%).

No último ano, o paro reduciuse en 122.798 persoas, a un ritmo interanual do 3,8%.

Sobe máis entre as mulleres e baixa en oito comunidades

O paro subiu en setembro en ambos os sexos, aínda que máis entre as mulleres, con 10.725 desempregadas máis (+0,59%), fronte a un aumento do desemprego masculino de 3.182 mulleres (+0,2%).

Así, ao finalizar setembro, o número de mulleres en paro situouse en 1.828.991 e o de homes, en 1.250.720.   

Por idades, o desemprego entre os mozos menores de 25 anos aumentou un 10% en setembro en relación ao mes anterior, con 22.694 parados máis, mentres que o paro das persoas con 25 anos e máis diminuíu en 8.787 desempregados (-0,3%).

O paro baixou en setembro en oito comunidades autónomas e subiu en nove. Os maiores retrocesos rexistráronse no País Vasco (-2.444 desempregados), Castela-A Mancha (-2.145) e A Rioxa (-932 desempregados), mentres que os ascensos estiveron encabezados por Andalucía (+4.866 parados) e Estremadura (+4.025 desempregados).

Por provincias, o paro reduciuse en 18 delas, lideradas por Sevilla (-3.586 desempregados), Valencia (-2.573 parados) e Barcelona (-2.240 parados), e subiu en 34, principalmente en Cádiz (+5.646 parados) e Badaxoz (+2.498 desempregados). 

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí