CRTVG

Buscar

Situación dramática das UCI en Madrid, Castela e León e Cataluña

Publicado o 31/03/2020 20:03

A situación é dramática nas UCI dos centros sanitarios de Madrid, Castela e León e Cataluña, que se ven obrigados a derivar pacientes a hospitais de campaña como o instalado polo Exército no Gregorio Marañón ou o pavillón sete de Ifema, que está ao límite da súa capacidade de 1.300 camas. Xa comezou a chegar material para o persoal que traballa alí e que se queixara das condicións. O xefe de expertos da OMS sobre COVID-19 visitou as instalacións. Bruce Aylward di: "Cando entrei e vin isto lembrábame o que vimos na China: infraestruturas enormes arranxadas rápido para tratar pacientes".

Soria e Segovia teñen aínda peores datos de contaxio que Madrid. As autoridades locais lanzan unha chamada de socorro ante a saturación dos hospitais. Soria ten 620 contaxios por cada 100.000 habitantes e Segovia 410. Madrid está en 360.

Cataluña ten as UCI saturadas. A Generalitat elaborou un manual en que aconsella non hospitalizar pacientes con mal prognóstico. O Goberno estuda mover enfermos entre comunidades. María José Sierra, xefa de área do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias, afirma que se fará cando o pidan as comunidades. 

Tanto Cataluña como Madrid como Castela e León superan o 80 por cento de ocupación das súas unidades de coidados intensivos.

Noticias web

31/03/2020