CRTVG

Buscar

Endurécense as restricións en Vilagarcía de Arousa, O Milladoiro e Ourense

Publicado o 24/09/2020 08:30

Detectar asintomáticos e frear a expansión do virus. É o obxectivo do cribado voluntario e aleatorio realizado na zona do Couto, en Ourense.


Do total de casos que hai na provincia, a metade rexístranse na cidade de Ourense, sobre todo nesta área. Por iso Sanidade estende as restricións especiais que xa aplicaba en catro rúas a todo o barrio e tamén á zona perimetral.

Sectores como o da hostalaría, onde se prohibe servir dentro e se restrinxe a acollida nas terraza ao 50 por cento, en grupos de non máis de cinco persoas.

Os últimos gromos rexistrados afectan a sanitarios do hospital de Ourense e do de Verín. Restrinxiuse o acceso e suspendéronse visitas.

Nas últimas horas a Consellería de Sanidade tamén incrementou as restricións no concello de Vilagarcía de Arousa e en toda a localidade do Milladoiro, en Ames. Inclúense así na lista de concellos galegos con medidas máis estritas. Entre elas, a redución da ocupación ao 50 por cento en bares e comercios ou a prohibición de reunións de máis de dez persoas. Queda tamén limitada a acollida máxima en celebracións, velorios e lugares de culto. Estas medidas xa se están a aplicar noutra decena de concellos galegos, como Santiago, Lalín e Pontevedra entre outros. 

 

Noticias web

24/09/2020