CRTVG

Buscar

Rexístrase un sismo de 6,4 graos no norte da Arxentina

Publicado o 19/01/2021 06:31

Un sismo de 6,4 graos na escala de Richter sacudiu A Arxentina sen que polo momento se informe de vítimas mortais nin danos materiais de consideración. O Instituto Nacional de Prevención Sísmica sitúa o epicentro na provincia de San Juan, fronteiriza con Chile, na localidade de Media Agua, co hipocentro a uns dez quilómetros de profundidade.

Polo de agora descoñécese a cuantía exacta dos danos, e as autoridades anunciaron que farán percorridas polas zonas máis afectadas.

O tremor -un dos de maior magnitude rexistrados no país nos últimos anos- sentiuse especialmente nesa provincia e na veciña de Mendoza, pero tamén nas de Córdoba, Santa Fe ou Bos Aires, incluída a propia capital, que está a máis de 1.000 quilómetros do epicentro. E non só o notaron na Arxentina: o mesmo sucedeu na capital chilena e noutros puntos dese país. Ao pouco de que se producise, rexistráronse dúas réplicas próximas aos 5 graos na escala de Richter.

O gobernador de San Juan, Sergio Uñac, deu conta en conferencia de prensa de que ata o de agora teñen constancia de tres persoas feridas: dous nenos con traumatismos moderados e un adulto cun traumatismo grave.