Sétima vítima mortal por coronavirus en Galicia
• É un home de 70 anos que estaba ingresado no CHUAC e tiña patoloxías previas
• 567 contaxiados, 19 deles ingresados na UCI

A sétima vítima mortal por coronavirus en Galicia é un home de 70 anos de idade que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e que tiña varias patoloxías previas.
Trátase da segunda vítima mortal relacionada co COVID-19 que rexistra Galicia na xornada deste venres, despois de que a primeira hora as autoridades sanitarias informasen da morte dun home de 89 anos que estaba ingresado no Hospital Comarcal de Monforte contaxiado con coronavirus. O home tiña múltiples patoloxías previas. É o primeiro morto por esta pandemia que se rexistra na provincia de Lugo.
567 contaxiados en Galicia
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 567. Deles, permanecen hospitalizados 137, e 19 na UCI. No domicilio están 411 persoas diagnosticadas. A maior parte deles son da área da Coruña, seguida da de Vigo e da de Santiago.
Polo de agora, en Galicia rexistráronse 5 altas de pacientes e 6 falecementos. O número de diagnósticos incrementouse en máis dun 27 por cento respecto da xornada anterior.
A incidencia do coronavirus en Galicia é de case 22 casos por cada 100.000 habitantes, por debaixo da media estatal que se sitúa en 37,3 por cada 100.000 habitantes.