CRTVG

Buscar

Sete detidos en Carballo por tráfico de drogas

Publicado o 05/06/2020 16:04

En Carballo, a Garda Civil detivo nas últimas horas sete veciños relacionados coa venda de drogas. 

De feito, esta é a terceira operación de grandes dimensións contra o tráfico de drogas que se leva a cabo na Costa da Morte dende comezos de ano. E non é tanto pola cantidade de substancias intervidas, senón polo número de persoas implicadas.

Sete en total, acusados non só dun delito de tráfico de drogas, senón tamén de pertenza a organización criminal. Tres dos detidos xa ingresaron en prisión por orde xudicial.

Había meses que os axentes da Garda Civil estaban en alerta. En concreto dende outubro de 2019. Non é só que sospeitaran dun maior movemento de drogodependentes na localidade, senón que puieron constatar unha repunta na comercialización de estupefacientes. 

Todo isto levou a que se practicasen rexistros en varias vivendas, concretamente unha preto do lugar dos Pinos, e as outras en Ponte Rosenda e a rúa Cemiterio Vello.

Aquí os axentes comisaron todo tipo de substancias, ademais de cartos en efectivo, case nove mil euros. Tamén unha pistola, un machete e varias armas brancas, ademais de material informático.

Durante os rexistros nun dos inmobles, un dos seus ocupantes intentou desfacerse de parte da droga botándoa polo sumidoioro do baño. Pero non o conseguiu. Tal e como pode verse nas fotografías, foi necesario romper a entrada da fosa séptica para poder recuperar as bolsas que a contiñan.

Sete foron en total as persoas detidas por tráfico de drogas e pertenza a grupo criminal. Tres deles están tamén acusados de tenza ilícita de armas e depósito de municións.

Tras prestar declaración, o xuíz decretou o ingreso en prisión para tres dos detidos.

 

 

Noticias web

05/06/2020