Sexto día de aumento de casos activos en Galicia, que ascenden a 249
Segundo os últimos datos ofrecidos polo Sergas, Galicia rexistra este mércores 249 casos activos por COVID-19. Son 7 máis ca onte.
240 están en seguimento domiciliario, 8 permanecen ingresados en unidades hospitalarias e un na UCI.
Os pacientes curados ascenden a 11.251 e os falecementos mantéñense en 619.
A área sanitaria de Lugo rexistra 80 positivos, 5 menos ca onte. O brote do Saviñao continúa estable, na Mariña continunan descendendo os casos e en Burela quedan en 20 os afectados.
Na área sanitaria da Coruña-Cee, medran ata 71 os contaxios, 8 máis ca onte. Catro permanecen hospitalizados en planta no CHUAC, mentres que os xogadores do Fuenlabrada permanecen confinados no hotel sen que se detectaran novos casos.
Logo de 9 días libres de coronavirus, a área de Ferrol rexistrou un positivo en Cedeira. Trátase dunha persoa estranxeira que chegou á vila hai 5 días para traballar. Está illada no seu domicilio e estanse a rastrexar os seus posibles contactos.
Na aréa sanitaria de Santiago-Barbanza hai 21 positivos. O brote de Boiro orixinado nunha familia de veraneantes procedentes de Madrid non provocou máis contaxios.
A maior incidencia na provincia de Pontevedra rexístrase na área sanitaria de Vigo, con 50 casos activos, onde se atopa o único paciente ingresado na UCI.
A área de Pontevedra-Salnés mantense nos 20 contaxios.
Ourense continúa a ser a provincia con menor número de afectados, con 6 positivos, un menos ca na xornada do martes.