CRTVG

Buscar

Condenan a Griñán a seis anos de prisión e a Chaves, a nove anos de inhabilitación

Publicado o 19/11/2019 20:54

• A sentenza: eran "conscientes da manifesta ilegalidade dos actos"

• Ábalos di que a sentenza non afecta nin o Goberno nin o PSOE; o resto de partidos piden responsabilidades

A sentenza da peza política dos eres de Andalucia condena o ex-presidente andaluz José Antonio Griñan a seis anos de prisión e 15 de inhabilitación polos delitos de malversación e prevaricación cometidos na súa etapa de conselleiro de Facenda. O outro ex-presidente, Manuel Chaves, queda inhabilitado para exercer cargo público durante 9 anos.

O xuíz di que eran perfectamente conscientes das ilegalidades dos actos en que participaron. A sentenza, de 1.700 páxinas, considera probado que durante unha década, entre 2000 e 2009, os gobernos andaluces fixeron un uso indebido das axudas públicas. Repartiron sen control, de xeito arbitrario, case 700 millóns de euros destinados a empresas en crise. E idearon, segundo o xuíz, un sistema para ocultar a fraude evitando a fiscalizacion dos cartos.

  

Magdalena Álvarez e Gaspar Zarrías, tamén condenados

Dos 19 ex-altos cargos andaluces condenados, nove teñen penas de prisión por malversación. As maiores condenas son para o ex-conselleiro de Emprego Antonio Fernández e para o ex-director xeral de Emprego Francisco Javier Guerrero.

Hai oito condenados por prevaricación a penas de inhabilitación para exercer cargo público. Entre eles Magdalena Álvarez, ex-conselleira de Facenda andaluza e ex-ministra. Tamén Gaspar Zarrías, ex-conselleiro da Presidencia e número dous nos gobernos de Chaves.

O xuíz absolve dous dos procesados, o ex-xefe do gabinete xurídico e os ex-interventor xeral que, segundo a sentenza, fixo o que puido alertando e denunciando as irregulariedades detectadas.

A sentenza pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo.

Foi un dos casos xudiciais máis longos e máis complicados da historia recente de España. Case unha década levou desfacer o nobelo do caso dos eres, un enredoso sistema de pagamentos polo que, durante dez anos, a Junta de Andalucía entregou máis de 680 millóns de euros en axudas a empresas de maneira irregular.

Un ere en Mercasevilla destapou o caso, e permitiu tirar do fío do que acabaría sendo un dos escándalos de corrupción máis soados de España. A instrución dividiuse en 150 pezas. A política foi a primeira que se xulgou, e tocou de cheo máis dunha década de gobernos socialistas en Andalucía.

No banco dos acusados sentaron 21 ex-altos cargos do Goberno andaluz: entre eles dous ex-presidentes, Chaves e Griñán, seis ex-conselleiros e varios ex-directores xerais.

O xuízo durou un ano, e deixou testemuños impactantes, como o do chofer do ex-director xeral de Traballo andaluz, que declarou que gastaban milleiros de euros de fondos públicos en cocaína e en alcol.

Os principais acusados aseguraron que descoñecían o procedemento, e as súas defensas alegaron que non se enriqueceron persoalmente coas axudas.

O caso dos ERE levou por diante a carreira política de Manuel Chaves e de José Antonio Griñán, dous pesos pesados do Partido Socialista. Ambos foron presidentes do Goberno andaluz, secretarios xerais do PSOE de Andalucía e presidentes federais do PSOE. Griñán dimitiu como presidente e renunciou á súa acta de senador. Chaves á de deputado. Un ano despois, en 2016, abandonaron a militancia do PSOE.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/11/2019