CRTVG

Buscar

Semana Santa atípica en Galicia

Publicado o 10/04/2020 21:56

Toda Galicia, pero especialmente Viveiro e Ferrol, vive unha Semana Santa histórica: as imaxes do Cristo e da Virxe confinadas nas igrexas sen saír en procesión. A única presenza da Semana Santa está nos balcóns que locen engalanados e nas portas das igrexas. Tamén nas redes sociais, onde emiten vídeos das procesións doutros anos

Ferrol

Esta é a imaxe de Ferrol neste Venres Santo tan atípico. Non é a primeira vez que a cidade queda sen procesións. Xa acontecera durante os sucesos de marzo de 1972, pero daquela a celebración puido facerse doutro xeito. Este ano, hai que conformarse con acender candeas e lembrar con mensaxes e difusión nas redes os desfiles doutros anos.

Especialmente díficil é este día para as mulleres do terzo da Virxe da Esperanza da Confraría de Dolores, que son as encargadas de portar a imaxe do Nazareno, dirixido por Lola Casares, a herdeira da tradición da Semana Santa ferrolá tal e coma hoxe a coñecemos.

A hostalería e o comercio son outros dos grandes prexudicados. Esta semana adoita ser para eles a de maior facturación do ano. Estiman que se van perder arredor de 40 millóns de euros que non vai ser doado recuperar antes as perspectivas turísticas da campaña de verán.

Viveiro

Este é un Venres Santo atípico en Viveiro. As rúas da zona histórica están baleiras e só se poden ver os tres heraldos de bronce do monumento en homenaxe aos confrades. Nalgúns escaparates aínda loce tamén o cartel dunha Semana Santa que non puido ser.

A praza Maior de Viveiro, agora deserta, debería ter hoxe este outro aspecto e ser o escenario dunha das procesións máis importantes e emotivas da súa Semana Santa, o Santo Encontro, con tallas e imaxes articuladas dos séculos XV e XVIII.

Escenas coma estas, de procesións de anos anteriores, emítense estes días nas redes sociais da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro para paliar, na medida do posible, a ausencia das celebracións máis arraigadas da vila.

Lugo

Estas imaxes correspondentes á Semana Santa de Lugo non se puideron repetir este ano debido á alarma sanitaria. Como ocorre con outras celebracións propias destas datas, a xunta de confrarías luguesa optou por adaptarse á situación de confinamento e retransmitir, a través das redes sociais, gravacións e montaxes fotográficas das diversas procesións nos días e nas horas que lles tocaría a cada unha delas.

Ramón Basanta, coordinador da Xunta de Confrarías de Lugo: "A través das redes sociais, todos os días subimos fotografías dos pasos que terían que desfilar. En Lugo dende o Venres de Dores ata o Domingo de Resurrección todos os días hai procesións, e todos os días estamos subindo fotos cunha pequena reflexión e unhas imaxes. E despois subimos tamén un vídeo cunha montaxe de fotos doutros anos e facemos como se fose unha retransmisión na hora en que saen as procesións con anacos gravados noutros anos."

Estas retransmisións das diversas procesións da Semana Santa de Lugo compleméntanse coa emisión en directo, a través de Youtube, das misas celebradas pola diocese lucense. Dende a Xunta de Confrarías aseguran que os vídeos de anos anteriores están a ter boa acollida entre o público, con centos de visualizacións nas redes sociais.

 

 

 

 

Noticias web

10/04/2020