CRTVG

Buscar

Semana decisiva para o futuro de Alcoa

Publicado o 22/07/2020 15:37

Xornadas decisivas para o futuro da factoría de aluminio de Alcoa. Hoxe e mañá son os últimos días das negociacións entre os traballadores e a dirección de Alcoa. Se non hai avances ou a empresa accede a ampliar o período de negociacions, este venres a multinacional iniciará o proceso de despedimento dos 534 traballadores da única planta de aluminio que queda en España.

A xuntanza tivo lugar como vén sendo habitual nun establecemento hostaleiro de Lugo. A dous dias de que remate o prazo de negociacións do ere que suporá o despedimento de 534 traballadores da factoría de Alcoa en San Cibrao, dirección e sindicatos sentáronse de novo na mesa de negociacións.

Os representantes sindicais pensan que aínda se está a tempo de reconducir a situación, pero consideran que a Administración debe presionar a multinacional que se mostra inflexible.

A dirección de Alcoa di que está disposta a ampliar o prazo de negociacións, tal como piden os sindicatos, pero pide a cambio a paralización das cubas, unha liña vermella que os traballadores non están dispostos a aceptar.

Os empregados da factoría de Alcoa e os das empresas auxiliares continúan coa folga indefinida que iniciaron este luns. O comité de empresa aínda non recibiu a documentación prometida polo Ministerio de Industria sobre o plan estratéxico e industrial que lle propuxo á multinacional e en que entrarían dous novos socios.

 

Noticias web

22/07/2020