CRTVG

Buscar

Seis turistas galegos, atrapados en Filipinas polo peche de fronteiras

Publicado o 17/03/2020 20:29

Estaban sendo unhas bonitas vacacións. Ricardo, Guillermo, Mónica e Maite tiñan que estar este martes nas súas casas de Sanxenxo e Meaño. Todo cambiou bruscamente a semana pasada. 

"Soubémolo grazas a outro español das medidas do Goberno de Filipinas. Unha delas era pechar os aeroportos. Aféctanos moito, sobre todo por ser españois e pola situación de España. Moitas compañías aéreas están vetando a entrada de españois", cóntanos Maite Méndez.

Pasan o día no aeroporto de Cebú, pechado desde este luns, á espera de conseguir un voo que os achegue á casa. "Como estranxeiros e turistas que somos sentímonos moi inseguros porque estamos nun país en estado de emerxencia, con toque de queda e cunha sanidade que non é a que temos en España", asegúranos Maite.

Co consulado español levan días sen poder contactar. "Non temos información ningunha por parte do noso consulado. A información que nos chega sempre é por parte doutros cidadáns que están aquí como nós. Os seus consulados si os están informando e están en contacto con eles todo o tempo. O que pedimos é axuda, que alguén frete un avión e que nos saquen de aquí. Non sabemos o tempo que imos estar aquí", explicounos Maite Méndez.

Ademais deles, hai, polo menos, outros dous galegos afectados, un de Santiago e outra de Ourense.

Noticias web

17/03/2020