CRTVG

Buscar

Seis países da UE proban un servidor para enlazar as súas apps de rastrexo da covid-19

Publicado o 14/09/2020 19:29

Seis países da Unión Europea (UE) comezaron este luns un proxecto de proba dunha infraestrutura de comunicacións segura que permite a interoperabilidade das aplicacións de rastrexo de COVID-19 e avisa a posibles infectados. As aplicacións oficiais de rastrexo e alerta da República Checa, Dinamarca, Alemaña, Irlanda, Italia e Letonia foron as seleccionadas para comezar a operar con este servidor de proba, informou a Comisión Europea (CE), impulsora da iniciativa. 

Os usuarios só necesitarán instalar unha aplicación e poderán tanto dar parte dunha proba de COVID con resultado positivo como recibir unha alerta, mesmo se viaxan a outro Estado membro. O servizo ofrecido terá en conta as especificacións técnicas acordadas polos países para ofrecer aos cidadáns unha solución que garanta un intercambio seguro de información. 

Ademais, os datos intercambiados encriptaranse, limitaranse ao mínimo e só se almacenarán o tempo necesario para rastrexar infeccións e non se permitirá a identificación de persoas.

"Moitos estados membros implementaron aplicacións nacionais de alerta e rastrexo de contactos", dixo nun comunicado o comisario europeo de Mercado Interior, Thierry Breton, quen engadiu que "agora é o momento de facer que interactúen entre si".