CRTVG

Buscar

Seguros para blindar as segundas residencias contra unha ocupación

Publicado o 28/05/2020 21:02

Ademais das alarmas, as portas antiokupas e as fechaduras de seguridade, os donos de vivendas baleiras poden blindar as súas propiedades contra a ameaza dos okupas coa contratación dun seguro. 

"Un seguro antiokupas exactamente non existe no mercado. Existen diferentes garantías, sobre todo un seguro de defensa xurídica en caso dunha okupación. A compañía de seguros faise cargo de todos os gastos xudiciais e fianzas para conseguir a desocupación da vivenda", cóntanos Juan Sánchez-Albornoz, presidente do Colexio de Mediadores da Coruña.

Desde hai, aproximadamente, tres anos, existe esta modalidade de seguros de defensa xurídica para casos de okupación. Tamén os seguros do fogar comúns contemplan coberturas para cubrir os posibles desperfectos ocasionados por unha okupación. 

"Hai outros seguros que teñen garantías que entran en vigor ou dan cobertura en caso de ocupación, como son os seguros do fogar, os danos por roubo ou intento de roubo en caso dunha ocupación", sinala Sánchez-Albornoz.

Os seguros non serven para intimidar as mafias, nin os inquilinos inesperados, pero si para dar certa tranquilidade aos propietarios que só habitan ocasionalmente a vivenda ao longo do ano.

Noticias web

28/05/2020