CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Segundo UXT e CCOO, máis de cinco millóns de traballadores secundaron os paros parciais de dúas horas

Publicado o 08/03/2018 20:43






A UXT e Comisións Obreirars calculan que máis de cinco millóns de traballadores secundaron esta mañá os paros parciais de dúas horas. Agás algún corte de tráfico, non se rexistraron incidentes nos centos de concentracións e actos de protesta que se rexistraron en toda España. En Galicia, as centrais sindicais non dan cifras, pero falan dun paro masivo. A Xunta estima que a protesta a secundaron o 18% dos traballadores da Administración.


A diferenza doutras folgas, os sindicatos non van facer balance dos paros por sectores. Din que esta protesta vai máis aló das clásicas demandas laborais. Con todo, UXT e Comisións estiman en 5 millóns 300.000 as persoas que secundaron pola mañá os paros de dúas horas.

Notouse máis nas grandes empresas e na Administración, e menos no comercio ou na hostelería. Renfe estima que parou o 5% do persoal, nun reconto en que a empresa inclúe os servizos mínimos. Non puideron circular 105 AVE e trens de Longa Distancia, e 199 de media distancia. Nas estradas, a DXT fala dun día normal, aínda que algunhas das concentracións derivaron en cortes de tráfico coma este no centro de Madrid.

A capital, Bilbao, Sevilla ou Barcelona viviron as protestas máis multitudinarias, todas elas coloreadas de violeta ou de negro en lembranza das vítimas da violencia machista. Houbo sentadas, cazoladas, marchas ciclistas, mandís nos balcóns e ata bailes reivindicativos. E tamén moitas concentracións por gremios, desde estudantes ata médicos ou, unha das máis concorridas, a das xornalistas madrileñas.

Cumpríronse os servizos mínimos do 100% nas urxencias. No resto, da sanidade os sindicatos estiman que atenderon os paros a metade dos traballadores. Nas escolas galegas, o seguimento oscila entre o 70% que din os sindicatos e o 21% que manexa a Xunta. O goberno galego estima que a folga no sector público non chegou ao 18%.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

08/03/2018