CRTVG

Buscar

Segundo unha enquisa, catro de cada dez galegos ten sobrepeso

Publicado o 19/05/2019 14:33

Malia que máis dun 83% dos galegos afirma practicar deporte, case a metade da poboación ten sobrepeso. Segundo o segundo barómetro sobre autocoidado da poboación española elaborado por PiC, unha marca especialista en coidado da saúde, a porcentaxe de xente que incorporou o exercicio na súa rutina medrou un 4,6% con respecto ao ano anterior. Con todo, catro de cada dez persoas en Galicia aseguran estar por enriba do seu peso ideal.


Unha galega opina:  "A verdade é que me sorprende a cifra, é moi alta. Eu creo que a dieta inflúe. A concienciación xa existe, si que hai moita xente que potencia o exercicio. Igual hai que facer unha combinación das dúas cousas, entre o exercicio e a alimentación. Fomentar unha alimentacion máis sana".

A dieta atlántica é unha gran aliada na loita contra o exceso de peso, os expertos recomendan comer variado, marcarnos pautas diarias á hora de facer o xantar, xa que os ritmos actuais facilitan os malos hábitos.

Antón Correa, Director de Atlántica Gastronómica, afirma que: "A cantidade é importante, pero a calidade... Os ritmos de vida que temos tamén fan que moitas veces non poidamos ou non saibamos como consumir eses alimentos, diariamente. Aprender catro ou cinco receitas sas, que sexan para ter de percorrido, para ter pra os días de urxencia e non caer nos malos hábitos".

Ademais aconsellan ter autocontrol á hora de comer e controlar tamén o peso, regularmente.

Noticias web

19/05/2019