CRTVG

Buscar

De patrulla na segunda noite de toque de queda en Santiago: paseos na rúa e festas nos pisos

Publicado o 27/10/2020 14:54

Saímos de patrulla coa Policía Local de Santiago. Esta é a segunda noite de toque de queda, a primeira dun día laborable. E Santiago é unha cidade en alerta vermella: ademais de que non se pode saír á rúa desde as once da noite ata as seis da mañá, están prohibidas as reunións de persoas que non convivan xuntas, tanto no exterior como no interior das vivendas. Esas dúas cuestións son as que van vixiar especialmente os axentes.

A policía empeza a rolda polas rúas xa baleiras de Compostela. Pasan 30 minutos das once, todo está en calma. Pero non tarda en chamar a atención unha muller soa e sen máscara na praza do Obradoiro.

"O problema é que non pode estar aquí sen máscara, estamos en toque de queda, e non pode estar aquí".

É unha turista alemá, que non sabe dicir onde se aloxa. Os axentes tardan case unha hora en identificala e levala ao seu apartamento de alugueiro.

A rolda continúa polo ensanche compostelán. Alertan a policía dunha festa nun piso.

"Chaman do quinto, festa no cuarto piso".

Cando chegan os axentes todo está en silencio. Pero algo delata os inquilinos.

"Mire canto fume sae de dentro...".

Non é o único aviso que reciben esta noite de luns por festas en pisos de estudantes. Os veciños denunciaron que estoutros mozos estaban de xolda.

"Á parte do toque de queda non se pode facer ruído, hai que respectar o descanso dos veciños".

Avanza a madrugada e á parte dos que están traballando segue habendo persoas pola rúa. A policía identifícaos e lémbralles que están cometendo unha ilegalidade.

"Estamos en estado de alarma, con toque de queda, non se pode andar pola rúa a estas horas".

Tamén controlan o tráfico de vehículos, para evitar desprazamentos inxustificados durante o toque de queda. E vixían cada recuncho da cidade para controlar que se cumpre. De momento, advirten e toma nota. Pero virá o tempo das sancións.





























 

Noticias web

27/10/2020