CRTVG

Buscar

Alcoa non se presentou á reunión do Ministerio de Industria porque di que aínda están as negociacións abertas co comité de empresa

Publicado o 06/08/2020 00:48
Alcoa non se presentou á reunión do Ministerio de Industria porque di que aínda están as negociacións abertas co comité de empresa

Alcoa non asistiu a tarde pasada á mesa multilateral convocada polo Goberno para tratar de desbloquear a situació,n unha vez que a multinacional estadounidense e o comité de empresa da fábrica de San Cibrao non chegaron a acordo rematado o período de consultas do ERE de extinción para 534 operarios (malia que estiveron reunidos durante case trinta horas).

Hoxe pola mañá a dirección da compañía e os representantes dos traballadores teñen unha nova cita. E é que aínda non se asinaron as actas que certifican a falta de entendemento entre as partes.

Tras a xuntanza da mesa multilateral -celebrada por vía telemática- o Ministerio de Industria, a Xunta de Galicia, CCOO, UXT e a CIG remitiron un comunicado aos medios amosando "de maneira conxunta" o seu apoio ao comité de empresa e o seu "compromiso de seguir traballando desde a unidade" para lograr que o proceso de compravenda da planta de San Cibrao "teña as certezas necesarias para que a operación sexa efectiva". Din que entenden que "é a mellor forma de garantir" tanto o mantemento da actividade industrial coma dos postos de traballo na comarca da Mariña.