CRTVG

Buscar

Seguen aumentando os contaxios en Ourense, pero a un ritmo menor

Publicado o 12/10/2020 14:01

Había pouco ambiente este día festivo na cidade de Ourense. A xente vai tomando conciencia de que hai que respectar as normas. E parece que as restricións van dando resultado. A cidade de Ourense reduciu o ritmo de contaxios nos últimos días.

"Hai un claro aplanamento da curva e aínda que hai que ser prudentes porque levamos un tempo limitado, cada día que pasa e esa tendencia se mantén pois confírmanos que as medidas están sendo efectivas e dan resultados", asegura Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, O Barco e Verín.

A día de hoxe hai pouco máis de 1.500 casos activos na provincia. Seguen as restricións á mobilidade en Ourense e en Barbadás non sabemos ata cando. Din os expertos que hai que esperar a mellorar eses resultados.

Están prohibidas tamén as xuntanzas de non conviventes nestes concellos e tamén en Verín, no Barco e no Carballiño. Estas restricións pillaron a algúns en plena celebración.

Mentres, no Hospital de Ourense a actividade segue sendo intensa. Estes días fixeron máis dun milleiro de PCR por sectores. Hostaleiros, placeiros e policias locais estanse somentendo a probas voluntarias para buscar asintomáticos.

"Estamos encontrando positivos asintomáticos, o número é pouco en porcentaxe, pero individualmente é importante porque estamos evitando que esa persoa faga a súa vida laboral, familiar, social e, polo tanto, poida ser unha persoa que poida actuar como vector de transmisión de enfermidade a outras persoas", di Félix Rubial.

Estes días están intensificando, ademais, os cribados no Carballiño, de toda a area sanitaria da provincia é a zona que actualemnte mais preocupa. O crecemento está sendo brusco. Nunha semana multiplicáronse por sete o número de casos positivos.

Noticias web

12/10/2020