CRTVG

Buscar

Segue o encamisado do túnel de Totalán para que poidan baixar os mineiros

Publicado o 23/01/2019 19:58

A perforadora do pozo paralelo ao que caeu o pequeno Julen rematou o ensanchamento do burato ás seis desta mañá.
A partir desa hora e unha vez limpo, os membros do equipo de rescate procederon ao entubado dos 60 metros de profundidade que ten o pozo.

A principal dificultade desta fase do rescate é encaixar correctamente a abertura desde a que os especialistas mineiros comezarán a escavar o túnel que os debería levar ata onde quedou atrapado o pequeno.

María Gómez, subdelegada do Goberno en Málaga: "Están probando o encaixe perfecto ou o suficientemente perfecto como para que traballen os mineiros".

Juan Arrabal, membro do equipo de rescate: "Teñen que verificar que entra, que sae. Terán que volver a sacar, meter para que abaixo, cando estea a derradeira camisa posta, as medidas de seguridade sexan totais".

Os especialistas mineiros baixarán por parellas e deberán abrir á man unha galería de apenas catro metros a través dun terreo de rocha dura.

Utilizarán piquetes e martelos pneumáticos, e a medida que vaian progresando apuntalarán con postes de madeira o túnel para contrarrestar a presión do terreo.

A brigada de mineiros, clave no operativo

A brigada de Salvamento Mineiro chegada de Asturias é un equipo de elite creado hai máis de cen anos. Son unha peza clave do operativo de rescate. 

En Totalán están oito dos 28 homes desta brigada. Descenderán nunha cápsula deseñada e fabricada para este rescate e traballarán por parellas en quendas de entre 30 e 45 minutos. Farán a galería horizontal manualmente, con pico, pa e martelo pneumático. Excepcionalmente mesmo poderían utilizar explosivos. 

A brigada leva días en Totalán preparada para actuar. Mentres non podían formar parte do operativo de rescate, exercitaban o corpo e mantiñan despexada a mente.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/01/2019