CRTVG

Buscar

Segue grave o ciclista atropelado en Xinzo

Publicado o 10/02/2020 14:35

Contra as sete e media do serán, noite xa na Limia, Manuel, natural de Calvos de Randín pero veciño de Xinzo, regresaba á casa dunhas leiras. Incorporouse á nacional 525 desde unha pista perpendicular e polo carril contrario. Atropelouno un coche que viña de fronte, conducido por un home de Verín de 59 anos.

Levaba a bicicleta cargada. Na cuneta quedou a caixa en que transportaba o paraugas e uns vimbios para facer cestería. Facía este percorrido habitualmente, e, segundo os veciños, non adoitaba usar casco nin chaleco reflector.

A bicicleta quedou practicamente intacta, salvo unha roda torcida, a traseira. Na dianteira, o tenente de Tráfico comproba o mal funcionamento da dínamo.

A bicicleta é un vehículo habitual na chaira da Limia. Desde Tráfico advirten da vulnerabilidade dos ciclistas e lembran a importancia de acatar as normas de seguridade, desde o uso do casco en vías interurbanas aos sistemas de iluminación.

Coma calquera outro condutor, os ciclistas poden ser sometidos á proba de alcolemia e teñen vetado o uso do móbil e auriculares. Tamén están obrigados a sinalizar as súas manobras.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/02/2020