CRTVG

Buscar

Segue a fricción entre os socios de goberno pola lei contra as violencias sexuais

Publicado o 04/03/2020 14:28

Na conferencia de prensa tras o último Consello de Ministros, a propia Irene Montero restoulles importancia ás modificacións que precisou o borrador da futura lei. Pero horas máis tarde, o seu compañeiro de partido e vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias, cargaba contra o ministro de Xustiza.

"Nas escusas técnicas creo que hai moito machista frustrado", asegurou Iglesias.

A primeira en responderlle foi a voceira socialista no Congreso.

"Non hai ministros machistas, aquí hai un Goberno feminista do primeiro ao último", sostén Adriana Lastra.

O propio ministro de Xustiza instaba a pensar antes de falar diante dun micrófono.

"Estou convencido de que os políticos falamos demasiado", manifestou Juan Carlos Campo.

A Cadena Ser tivo acceso ao informe elaborado por Xustiza para corrixir o borrador de Igualdade a tempo de que se puidese comezar a tramitar antes do 8-M. Son 26 páxinas en que se critica de entrada a falla de rigor do texto e o seu criterio, máis político que lexislativo. Tamén resalta a innecesaria duplicación de ata 23 artigos xa recollidos noutras leis anteriores.

"Sempre as leis feministas foron cuestionadas e despois co paso do tempo ata os seus máis furibundos adversarios terminaron recoñecendo que eran boas para o país", asegurou hoxe a ministra de Igualdade.

"Creo que desde o Ministerio de Xustiza o que se fixo foi cumprir co seu papel de ministerio de lexislación", aclarou Juan Carlos Campo.

Pero o informe de Campo e o seu equipo vai máis aló do fondo para se deter tamén na forma do borrador: aféalle a Igualdade defectos como o uso inxustificado do dobre espaciado interlineal, a mala puntuación ao longo de todo o texto e mesmo o uso de termos que non existen, como interseccional, autodeterminar ou revitimizar.

"(...) Sentenzas inxustas e unha 'revitimización'..." dixo hai uns días a propia Irene Montero.

Tamén recibiu críticas, desta volta nas redes sociais, este chío do Ministerio de Igualdade para promover o proxecto de lei, que di textualmente: "Queremos que o berro feminista 'soa e borracha quero chegar á casa' sexa unha realidade para deixar de vivir con medo".

Noticias web

04/03/2020