CRTVG

Buscar

Seat anuncia un novo ERTE por causas organizativas para 11.000 empregados

Publicado o 17/04/2020 19:57
Seat anuncia un novo ERTE por causas organizativas para 11.000 empregados

A automobilística Seat presentará outro expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) nos seus centros de traballo de Barcelona que afectará 11.000 traballadores e que podería empezar o próximo 27 de abril ante a imposibilidade de renovar a produción ao 100%.

O presidente do comité de empresa de Seat, Matías Carneiro, explicou que a dirección comunicou os seus plans este venres aos sindicatos nunha reunión en que non aclarou aínda se retomará a actividade produtiva o 27 de abril ou esperará uns días máis.

O novo ERTE presentarase ante a autoridade laboral baseándose en causas organizativas e non será, por tanto, un expediente por forza maior como o que está activo desde o pasado 16 de marzo, aínda que se pactou que as condicións sexan as mesmas. 

Así, os traballadores que entren neste novo expediente cobrarán a prestación de desemprego que lles corresponda e a compañía pagará un complemento para alcanzar o 90% do salario neto.

A maior parte dos empregados afectados serán os que desenvolven a súa actividade nas liñas de produción ou en postos vinculados ás áreas de loxística e calidade, e que se atopan tanto na fábrica de Martorell como nos centros de Barcelona e O Prat de Llobregat, segundo as mesmas fontes.