CRTVG

Buscar

Òscar García non seguirá á fronte do Celta

Publicado o 09/11/2020 16:44

Era un segredo a voces, pero Òscar García deixa de ser o adestrador do Celta. Os malos resultados (só 6 vitorias nun ano de traballo) provocaron a destitución dun adestrador que tamén se enfrontou cunha parte do vestiario.

Co equipo en números vermellos na clasificación e aproveitando a parada de quince días por mor dos compromisos da selección, o Celta considera o momento axeitado para dar un cambio de rumbo e buscar unha nova faciana na dirección técnica.

Doce meses estivo Òscar García no Celta. E sempre convivindo co perigo. Os últimos tempos marcados polas malas relacións con Felipe Miñambres e o director xeral, Antonio Chaves. E con algún futbolista como Hugo Mallo.

Nos últimos quince partidos, unha soa vitoria ante o Valencia. É a primeira vez que unha entidade destitúe a Òscar García. Antes sempre rachou unilateralmente os seus contratos.

Antes do partido ante o Elxe Òscar García xa intuía que podía ser o último para el, aínda que incidía no seu desexo de continuar, nunca pensara en demitir.

Falar falouse moito nas últimas semanas, do conflicto con Hugo Mallo, ao que lle retirou a capitanía, da falta de gol, ausencia de fichaxes no último mercado. Pero o certo é que o Celta de Òscar nunca acabou de convencer.

O técnico de Sabadell deixa ao equipo fóra dos postos de descenso, con sete puntos, na mesma décimoséptima posición coa que rematou a temporada pasada, na que se logrou a salvación in extremis. Cumpriu un ano no cargo, con 35 partidos dirixidos. Deles seis remataron en vitoria, 17 en empate e 12 en derrota. Nos últimos 15 só sumou un triunfo. A aposta pola canteira quedará seguramente como seu legado deste ano no Celta.