CRTVG

Buscar

Santiago restrinxe o tráfico na contorna da praza de Mazarelos e da Universidade

Publicado o 01/12/2020 13:34

Santiago de Compostela comeza a peonalización da zona da praza de Mazarelos e a praza da Universidade, unha contorna emblemática da parte histórica. Hoxe arranca a primera fase: queda restrixindo o acceso de calquera vehículo a partir das tres da tarde. Paulatinamente, a restrición estenderase a toda a xornada.

A partir de hoxe estas rúas da zona histórica veranse liberadas de boa parte do tráfico rodado. Comeza a peonalización do ámbito de Mazarelos e da praza da Universidade. Será en dúas fases: na primeira permítese a presenza de vehículos nestas rúas ata as tres da tarde; un mes despois, prohibirase o paso xa todo o día, agás os horarios de carga e descarga. Hai quen pensa que a medida pode afectar o comercio da praza de abastos.

Quen ten un comercio ou quen compra pola zona pensa que "non ter onde aparcar ou non dispoñer dun aparcadoiro próximo limita a posibilidade de achegarse a esta zona a gozar dela".

Mala idea, por unha banda, pero pola outra o peche ao tráfico destas rúas da zona histórica é unha medida ben recibida. Aseguran que é máis cómoda para os peóns e o turismo, para "gozar da zona histórica".

Menos coches, menos ruído e máis espazo e tranquilidade para desfrutar da zona histórica. Parece que a cidadanía é consciente da cara boa da peonalización.

Moitas persoas consideran que é beneficioso que "se afaste o tráfico da zona histórica e monumental para favorecer a súa conservación".

O peche ao tráfico desta zona é tamén unha medida para protexer o arco de Mazarelos, a única porta da muralla de Santiago que aínda se conserva en pé.

Noticias web

01/12/2020